QUEN SOMOS?
QUEN SOMOS?
O Pacto Territorial de Emprego do Barbanza e Noia constitúese o día 13 de Xuño de 2008 ao abeiro do Decreto 98/2008, como órgano consultivo e de participación de axentes de distinta natureza: Xunta de Galicia, entidades locais e organizacións empresariais e sindicais. A súa finalidade é achegar a intervención entre as entidades que están a traballar en materia de emprego, mellorando así a xestión e a planificación dos recursos públicos existentes.
As entidades integrantes do Pacto son:
- Entidades locais: concellos de A Pobra do Caramiñal, Boiro, Lousame, Noia, Outes, Porto do Son, Rianxo e Riveira.
- Organizacións empresariais: Confederación de Empresarios de Galicia, representada no Pacto pola FEB.
- Sindicatos: UGT – Galicia, SN de CC.OO. de Galicia e CIG.
- Xunta de Galicia: Consellería de Traballo e Benestar.
O Pacto Territorial de Emprego do Barbanza e Noia ten os seguintes órganos: a Asemblea Xeral, o Comité de Dirección e a Comisión Técnica. Esta última materialízase na Unidade de Promoción e Desenvolvemento (UPD Pacto Territorial de Emprego do Barbanza e Noia) da que formamos parte como equipo técnico, encargándonos, entre outras cousas, da creación e mantemento deste multiblog.
Este creouse coa finalidade de chegar a ser unha plataforma informativa integrada sobre distintos eventos e actividades que se realicen nas comarcas de Barbanza e Noia, así como recurso de utilidade para a promoción do comercio na zona.
O blog está estruturado en 4 grandes bloques:
1. Eventos e promocións: Recolle información de todas as actividades que se van realizar nas comarcas día a día (calendario de eventos). Ademais, está previsto que acolla tamén ofertas e promocións dos comercios e establecementos hostaleiros de Barbanza e Noia.
2. Creadores: Espazo dedicado aos/ ás artistas da zona (grupos/bandas de música, coros, pintores/as, escultores/as, fotógraf@ s, escritores/as, etc.), no que poderán promocionarse e publicitar as súas obras.
3. Natural: Achega información sobre os recursos naturais das comarcas de Barbanza e Noia (especies, lugares, paisaxes, praias, rutas de sendeirismo…)
4. Pasatempos: Recolle distintos xogos a partir dos cales aprender cousas da zona.
Dentro de cada bloque inclúese, ademais, un apartado de consulta das subvencións e axudas relacionadas coa temática do mesmo.